Buscador Avanzado

Autor

Tema

Libro de la biblia

* Cita biblica

Idioma

Fecha de Creación (Inicio - Fin)

-

COMULGARMOS CON XESÚS

Rate this item
(0 votes)

Disponibilizamos a tradução em galego porque a tradução em português não está disponível no site.

«Ditosos os chamados á cea do Señor». Así di o sacerdote mentres mostra a todo o pobo o pan eucarístico antes de comezar a súa distribución. Que eco teñen hoxe estas palabras en quen as escoita?

Moitos, sen dúbida, séntense ditosos de poderen achegárense a comulgar para atoparse con Cristo e alimentar nel a súa vida e a súa fe. Ben deles, érguense automaticamente para realizaren unha vez máis un xesto rutineiro e baleiro de vida. Un número importante de persoas non se senten chamadas a participaren e, por iso, tampouco experimentan insatisfacción algunha.

E, porén, comulgar pode ser para o cristián o xesto máis importante e central de toda a semana, se se vive con toda a súa expresividade e dinamismo.

A preparación comeza co canto ou recitación do «nosopai». Non nos preparamos, cada un pola nosa conta, para comulgarmos individualmente. Comulgamos e formamos todos unha familia que, por encima de tensións e diferenzas, queremos vivirmos fraternalmente invocando ao mesmo Pai e atopármonos todos no mesmo Cristo.

Non se trata de rezar un «nosopai» dentro da misa. Esta oración adquire unha profundidade especial neste momento. O xesto do sacerdote, coas mans abertas e alzadas, é unha invitación para adoptarmos unha actitude confiada de invocación. As peticións ecoan de maneira diferente ao irmos comulgar: «dános o pan» e alimenta a nosa vida nesta comuñón; «veña o teu reino» e veña Cristo a esta comunidade; «perdoa as nosas ofensas» e prepáranos para recibirmos ao teu Fillo…

A preparación continúa co abrazo de paz, xesto suxestivo e cheo de forza, que nos convida a rompermos os illamentos, as distancias e a insolidariedade egoísta. O rito, precedido por unha dobre oración en que se pide a paz, non é simplemente un xesto de amizade. Expresa o compromiso de vivirmos contaxiando «a paz do Señor», curando feridas, eliminando odios, reavivando o sentido de fraternidade, espertando a solidariedade.

A invocación: «Señor, eu non son merecente…», dita con fe humilde e co desexo de vivirmos de maneira máis fiel a Xesús, é o último xesto antes de achegármonos cantando e recibirmos ao Señor. A man estendida e aberta expresa a actitude de quen, pobre e indixente, se abre a recibir o pan da vida.

O silencio agradecido e confiado fainos conscientes da proximidade de Cristo e da súa presenza viva en nós. A oración de toda a comunidade cristiá e máis a última bendición poñen fin á comuñón. E logo, non se reafirmaría ben a nosa fe se acertásemos a comulgarmos con máis fondura?

 

José Antonio Pagola

Tradutor: Xaquin Campo Freire

Publicado en www.gruposdejesus.com

Read 107 times
Login to post comments